O SALNÉS> Nivel de risco extremo de lumes forestais na comarca do Salnés. Entramos de cheo na época de maior risco de incendios e dende mañá xoves preocupa especialmente a situación dos municipios de Cambados, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo. Foi o que se apuntou na reunión do comité provincial de coordinación policial contra incendios forestais que hoxe se celebrou en Pontevedra. No resto da provincia, o risco está fixado en nivel alto ou moi alto.
As altas temperaturas e o vento fan que no Salnés a tempada de maior risco de incendios forestais comece cunha alerta de nivel extremo. Preocupan especialmente os concellos de Cambados, Meaño, Ribadumia e Sanxenxo. Hoxe a delegación da Xunta en Pontevedra acolleu a reunión do comité provincial de coordinación contra os lumes.
No resto da provincia de Pontevedra o nivel de risco é moi alto ou alto. Así as cousas, dende a Xunta apuntan a que aproximadamente o 80% dos lumes en territorio pontevedrés son intencionados. Aínda que preocupan cada vez máis os fenómenos meteorolóxicos como as tormentas de verán.
Como novidade, este ano o dispositivo na provincia incorpora seis novos brigadistas. Tamén se dota con Intelixencia Artificial ás cámaras da rede de videovixilancia, situadas en zonas clave. Unhas medidas que se suman ás tarefas que se veñen realizando nos últimos meses en materia de prevención.
Este ano estréase tamén a aplicación Alume, coa que a cidadanía pode alertar da presenza de lumes forestais mesmo xeolocalizándoos. Esta ferramenta súmase ao teléfono 085, para rexistrar avisos, e ao 900 815 085, no que se poden facer denuncias de xeito anónimo.
A tempada alta de risco de lumes forestais establécese entre o 1 de xullo e o 30 de setembro.











