A feira da cultura galega regresa a Pontevedra

PONTEVEDRA> Comeza a conta atrás para a celebración da duodécima edición do Culturgal. A maior feira da Cultura en Galicia volve este ano a Pontevedra cunha ampla programación que se estenderá ao longo de tres días. A gran novidade de este ano é a incorporación das novas tecnoloxías.

“Dálle unha volta á feira”. Ese é o lema da 12ª edición de Culturgal. O maior evento de cultura de toda Galicia regresará a vindeira fin de semana a Pontevedra con 130 stands e con case 140 actividades programadas. Ademais, a tecnoloxía xogará este ano un papel fundamental no evento.

Culturgal contará este ano con 5 zonas diferenciadas: a infantil, o foro,  a carpa, o libro e o cinema. Ademais, nesta edición tampouco faltará o Espazo de Arte Contemporánea e a área gastronómica. Polos escenarios pasarán artistas como Miguelanxo Prado, Ledicia Costas ou Oliver Laxe. O colofón o porá a banda Marful, acompañada da artista Sabela Ramil.  Con toda esta programación, Pontevedra volverá a converterse nun referente da cultura galega.

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra estarán presentes nesta 12ª edición de Culturgal. Na presentación deste evento, tanto Jacobo Sutil como Carmela Silva destacaron a importancia de inverter en cultura.

Culturgal abrirá as súas portas o venres 29 ás 10:00 horas. As entradas serán de 3 euros para os adultos e de 2 para os menores de 14 anos. Os bonos para os tres días serán de 5 e 3 euros, respectivamente.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí