O GROVE> Segunda xornada do xuízo polo desfalco da Confraría do Grove. O excontable e único acusado recoñece que todo o diñeiro que retirou das contas do pósito o gastou no Casino da Toxa. Fabricio Fernández recoñece que fixo iso con 220.000 euros entre os anos 2009 e 2010. Con todo, nega que se apropiara dos cartos restantes que lle imputa a Fiscalía ata chegar ó medio millón de euros.
Na segunda xornada do xuízo, foi a quenda para a declaración do excontable da Confraría do Grove. Fabricio Fernández recoñeceu, como xa confesara nos xulgados de Cambados, que pasou cartos das contas do pósito ás súas e que retirou diñeiro en efectivo. Recoñece que fixo iso con 220.000 euros entre os anos 2009 e 2010 que despois perdeu integramente no Casino da Toxa.
Fabricio autodenunciouse nos xulgados de Cambados no ano 2010, segundo relatou, recomendado pola Asociación Galega de Xogadores Anónimas, na que entrou para afronta-la súa ludopatía. Insiste en que non se trata dunha estratexia de defensa, senón dunha enfermidade obsesiva e incontrolable -dixo- que lle arruinou a vida.
Con todo, o excontable nega que se apropiara dos diñeiro restante que lle imputa a Fiscalía, ata chegar ós máis de 500.000 euros. Rexeita ter collido cartos procedentes das contas da lonxa ou da súa peixería porque aí tería que deixar un xustificante. Nese caso di que foi el mesmo o que observaba e denunciou “cousas raras”.
Sobre a retirada de cartos do Banesto e Caixabank, que se efectuou só coa sinatura de Fabricio, a pesar de que tamén era precisa a do expatrón, o excontable sinalou que se trataba dunha práctica habitual agardando a que o patrón asinase cando volvese do mar. Pola súa banda, o expatrón entende que se debeu a un exceso de confianza das entidades. Indica, ademais, que el non sospeitaba de nada porque consideraba a Fabricio como un amigo.
Con todo, o acusado nega tal confianza. Di non entender como o nomearon a el encargado da contabilidade do pósito, sen ter apenas formación. Indicou que el é auxiliar administrativo, pero que na Confraría había varias persoas con maior capacitación profesional para leva-las contas.
O xuízo continuará mañá coa declaración de máis testemuñas.