PONTEVEDRA> Pontevedra volverá a participar na Cume do Clima. Tras a intervención de onte do alcalde na mesa “Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima”, Lores volverá a Madrid para falar sobre política municipal e saúde. A cita será este sábado e no encontro participarán outros representantes municipais do Estado, de Europa e incluso de Latinoamérica.
Pontevedra volverá a asistir á Cume do Clima de Madrid. O alcalde participará este sábado nunha mesa redonda na que falará sobre como a transformación urbana da Boa Vila afectou positivamente á saúde pública. Un encontro organizado polo Ministerio de Sanidade e no que participarán diversos representantes municipais do Estado, de Europa e de Latinoamérica.
Miguel Anxo Fernández Lores recibiu este convite xusto despois de participar onte na mesa redonda sobre “Experiencias inspiradoras: urbanismo e clima”. Un encontro no que o alcalde fixo un chamamento á responsabilidade política e no que reivindicou a importancia de traballar dende o local para mudar o global.
Na mesa redonda deste sábado, o alcalde contará con 10 minutos para expoñer a súa visión sobre as políticas municipais fronte á contaminación atmosférica e o cambio climático. O evento desenvolverase na sala Europa do recinto feiral de IFEMA.