Cambados pedirá en Costas ‘flexibilidade’ na interpretación da lei que pon en perigo o novo mercado

CAMBADOS> O alcalde de Cambados reuniarase mañá en Madrid con representantes de Costas do Estado, na procura dunha solución para a praza de abastos. Samuel Lago reclamará unha interpretación máis flexible da norma, logo de ter recibido un informe no que non se ve viable a construción do novo mercado no emprazamento actual. Ademais, reclama a Portos de Galicia a desafectación inmediata deses terreos, unha petición polo que levan agardando máis de seis anos.

Cambados continúa co seu plan para tentar reconduci-la situación da praza de abastos. Tralo informe de Costas do Estado que non ve viable a construción dun novo mercado no seu emprezamento actual, o alcalde move ficha: mañá mesmo vaise reunir en Madrid con representantes dese departamento para solicitar máis flexibilidade na interpretación da norma. Unha medida que tamén afectaría a conserveiras e depuradoras.

Ademais, reclama a Portos de Galicia a desafectación inmediata desa zona, o que evitaría a confrontación con Costas do Estado. Unha petición pola que xa levan anos agardando.

Entende o alcalde que ata que Costas reinterprete a lei e Postos desafecte os terreos, non ten sentido seguir adiante co Plan Especial. Aproveita tamén para responde-las críticas dos grupos da oposición, botando man dun informe do 2013, cando gobernaba o PP, no que se sinalaba que había usos en dominio público marítimo-terrestre que non eran compatibles coa lei de costas, entre eles o mercado, o centro de saúde ou depuradoras.

E di que en ningún momento, a diferencia do PP daquela, porá os intereses do Partido Socialista por riba do interese da veciñanza cambadesa.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí