As acusacións reclaman prisión permanente revisable para o autor confeso do triplo crime de Valga

VALGA> Prisión permanente revisable. É a pena que as tres acusacións manteñen para o acusado polo triplo crime de Valga. José Luis Abet compareceu esta mañá por videoconferencia na vista previa que se celebrou nos xulgados de Caldas de Reis. Aínda non hai data para o xuízo, que será na Audiencia Provincial de Pontevedra e cun xurado popular.

O 16 de setembro cumpriranse tres anos do triplo crime de Valga. Ese día do 2019, segundo el mesmo confesou, José Luis Abet matou a tiros á súa exparella, á súa exsogra e á súa excuñada. Hoxe o xulgado de Caldas acolleu a vista previa do caso, na que as tres acusacións volveron pedir para el a prisión permanente revisable.

O acusado compareceu por videoconferencia na vista pero optou por non declarar. Fíxoo dende a cárcel de Mansilla de las Mulas, en León, onde permanece. Enfróntase a varios delitos: asasinato de tres mulleres e posesión ilícita de armas.

Dende a Fundación de Amigos de Galicia reclaman tamén que José Luis Abet sexa acusado de provocar danos psíquicos aos fillos dunha das mulleres asasinadas e exparella súa, Sandra Boquete. Recordemos que os menores, de 4 e 7 anos, foron testemuñas dos feitos.

A defensa do autor confeso do crime solicitou que se teña en conta que José Luis Abet tiña diminuída a súa capacidade no momento dos tres asasinatos.

A xuíza ten agora un prazo de tres días para aprobar a apertura do xuízo oral. Aínda non hai data, pero será na Audiencia de Pontevedra e con xurado popular.