Unha familia de Ribadumia, impotente ante o asolagamento do baixo da súa casa

RIBADUMIA> As fortes chuvias supuxeron tamén máis dun susto. É o caso dunha familia de Ribadumia á que a auga lle entrou no garaxe da casa. Perderon electrodomésticos, a caldeira e mesmo a cadeira de rodas da súa filla. O dono da casa lamenta tamén a falta de axuda por parte dos servizos de emerxencia. Chamaron ó 112 en varias ocasións para pedir axuda, pero ninguén lles colleu o teléfono.

Chove sobre mollado nesta vivenda de Leiro, en Ribadumia. A chuvia xogoulle unha mala pasada a esta familia. A auga asolagou por completo o garaxe, situado na parte baixa da casa. Cando se decataron do que estaba ocorrendo xa era demasiado tarde para tentar evitalo.

A tromba de auga baixou polo camiño, arrastrando pedras e lodo. A súa procedencia: esta leira na que hai pouco fixeron un desmonte. Os afectados tiñan claro que algo así acabaría pasando.

A familia de Manuel viu con impotencia como se estragaban electrodomésticos, colchóns e mesmo a cadeira de rodas que emprega a súa filla con parálise cerebral.

Manuel lamenta tamén a nula atención recibida por parte dos servizos de emerxencia. Asegura que a súa dona chamou ao 112 en reiteradas ocasións, pero que en ningún momento puido contactar con ningún operador.

Ante a falta de atención dos servizos de emerxencia, a esta familia non lle quedou outra que tentar evitar que a cousa fose a máis.

Hoxe, Manuel e a súa muller afánabanse por limpa-lo baixo da súa casa. Mentres, fóra, dous operarios desatoaban os sumidoiros e limpaban as cunetas coa vista posta no ceo. A chuvia seguiu caendo durante toda esta xornada e, polo camiño, seguen baixando restos dun desmonte ó que agora Manuel mira de reollo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí