Cambados impulsa un sistema de recollida de residuos orgánicos ‘porta a porta’ para a hostalaría

CAMBADOS> Unha vintena de locais hostaleiros de Cambados únense a un proxecto piloto de recollida de residuos orgánicos porta a porta. O plan busca mellora-la xestión do lixo na localidade, fomentando a compostaxe e reducindo os custos. Os establecementos que se sumaron á iniciativa van recibir un selo de calidade pola súa xestión sostible dos refugallos.

A partir da primeira quincena de xaneiro, 19 establecementos hostaleiros de Cambados van deixar de deposita-lo seu lixo orgánico nos colectores convencionais. Cada un deses locais vai recibir un contedor individual como este para depositar só os bioresiduos. O novo sistema de recollida porta a porta, din dende o Concello, vai permitir mellora-la xestión dos refugallos.

Este proxecto piloto estará financiado en colaboración coa empresa de recollida do lixo.

Os restauradores recibirán un colector individual que a empresa responsable do lixo encargarase de manter limpo. Terán á súa disposición un servizo de recollida propio de luns a sábado. Ademais, cada un dos establecementos adheridos poderán facerse cun selo de calidade.

O proxecto irá acompañado dunha formación individual a cada un dos locais participantes, impartida por un mestre composteiro.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí