VILAGARCÍA> Conta atrás para o sorteo máis agardado do ano, o da Lotaría de Nadal. Nas administracións de lotaría, os clientes apuran as últimas horas na procura do boleto premiado. A sorte fixo parada o ano pasado na nosa contorna: o premio Gordo deixou un belisco en Sanxenxo e tamén caeron quintos premios en Vilanova, Vilagarcía, Noia e Meis.
Quen máis e quen menos ten no seu peto un décimo da Lotaría de Nadal. As administracións son nestes días un constante ir e vir de xente na procura do boleto afortunado. Seica este ano notouse un lixeiro incremento nas vendas, sobre todo en ventanilla.
Polo xeral, os que aquí compran levan un ou dous décimos. Pero, ollo, tamén hai clientes que agasallan décimos entre os seus amigos e seres queridos.
A data dun aniversario, o día da voda, ou cando ocorreu un feito sinalado ou unha catástrofe. A sorte non entende de números, pero os clientes si de supersticións á hora de elixir terminación.
Nesta administración de lotaría de Vilagarcía xa xaben o que é repartir fortuna. O ano pasado aquí entregaron un quinto premio. E non foi o único da súa historia.
Por certo que Canal Rías Baixas informará este domingo en tempo real a través das súas redes sociais dos premios que vaian caendo na nosa contorna. Agardamos que un deles sexa o ‘gordo’.