O BNG da Pobra fai balance dun ano marcado pola renovación

POBRA> O BNG da Pobra fixo un balance da súa actividade ó longo deste ano. Un ano marcado pola renovación dos cargos institucionais que cambiou o rumbo da agrupación. Os nacionalistas amosáronse moi críticos co goberno municipal pola súa falta de previsión en temas de gran relevancia para o municipio.

O BNG da Pobra pecha un ano electoral marcado polo relevo dos representantes municipais. Un cambio que mudou o xeito de facer política dende a oposición para defender os dereitos dos veciños ante un goberno que cualifican de incompetente.

O último pleno extraordinario celebrado a pasada semana é para os nacionalistas unha mostra máis da falla de previsión. A convocatoria do POS foi aprobada in extremis, tras varios recesos nos que finalmente o executivo aceptou a solicitude do BNG de dotar de partida orzamentaria o proxecto de construción de vestiarios e mellora das condicións de traballo dos mariscadores.

Aínda que desta volta imperou o diálogo e o consenso, o BNG teme que a improvisación volva ter consecuencias negativas no devir da vida municipal. Refírense concretamente á aprobación da conta xeral que xa foi convocada fóra do prazo legal.

Critican ademais a falla de interese do goberno para sacar adiante cuestións básicas como a Relación de Postos de Traballo, a creación do consello escolar municipal ou o consello de participación veciñal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí