As galletas solidarias feitas en Pontevedra que axudan na loita contra o cancro de mama

PONTEVEDRA> Un ano máis, xa está en marcha a iniciativa Galletas Contra o cancro de mama. Trátase dun proxecto solidario no que unha vintena de persoas de todo o Estado elaboran este tipo de doces para recadar fondos para investigar esta enfermidade. Unha veciña de Pontevedra, Alejandra Garrido forma parte desta rede solidaria, que o ano pasado recadou máis de 20.700 euros.

Cada ano dende hai xa catro, por estas datas Alejandra Garrido ponse mans á masa.

No 2015 dende Ferrol comezouse a tecer unha rede solidaria por toda España. Alejandra sumouse dous anos despois a este proxecto.

Dende entón, no mes de outubro o seu forno non ten respiro. Non se dedica profesionalmente á repostería pero estas tres semanas entrégase a este reto solidario e coida cada detalle.

Este ano son 23 as persoas que participan. Doan tempo, traballo e cartos, xa que non cobran as materias primas coas que elaboran as galletas. E todo o recadado é para a investigación do cancro de mama. Só o ano pasado conseguiron máis de 20.700 euros… máis de 11.000 galletas vendidas.

As galletas seguirán á venda ata o 19 de outubro. Toda a información sobre a iniciativa e para facer encargos pode consultarse no Facebook “Galletas contra el Cáncer de Mama”. Ademais, Alejandra teceu en Pontevedra unha rede de establecementos que colaboran na venda. Son Cafetería Citania, a xoguetería A Balea das Cores, Ricar Moda, Xoiería Auri, Ponteapunto Autoescola, PartyFiesta e Tékere Ludoteca.

Porque está claro que a ninguén lle amarga un doce… e moito menos se son solidarios.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí