O Partido Popular busca revalidar a maioría na Xunta de Galicia

PONTEVEDRA> Co inicio de 2020 arranca a precampaña electoral de cara as vindeiras eleccións autonómicas. O vicepresidente da Xunta de Galicia mantivo hoxe un almorzo informativo cos medios para explicar os obxectivos que se marca o seu partido de cara a seguinte cita coas urnas. Alfonso Rueda falou tamén da inestabilidade política que hai actualmente no Goberno central.

Con optimismo e humildade. Así é como afronta o PP este 2020. Un ano onde as eleccións autonómicas marcarán o calendario político e no que os populares traballarán por revalidar a maioría.

Alfonso Rueda lamentou a inestabilidade política que existe actualmente no panorama nacional e explicou cales serán as principais demandas que a Xunta reclamará a Pedro Sánchez en canto forme goberno. Entre elas, o pago da débeda e a transferencia da AP-9 a Galicia.

O tren de alta velocidade é tamén outro dos compromisos da Xunta de Galicia. O vicepresidente pediulle directamente ao ministro de Fomento que aclare con exactitude o prazo de funcionamento do AVE.

Rueda falou tamén esta mañá da inestabilidade que existe nalgúns Concellos da provincia. Entre eles, o de Porriño, o da Guarda e o de Pontevedra.

En canto a si Alberto Núñez Feijóo volverá a presentarse como candidato do PP de Galicia, o vicepresidente da Xunta asegurou que é unha decisión persoal e que se fará pública no primeiro trimestre do ano.