A Cabalgata de Boiro incorpora un treito sen ruído para nenos con autismo

BOIRO> A cabalgata de Boiro presenta este ano importantes novidades. Ademais de adiantar o horario de saída, o percorrido incorporará un treito sen ruído para as persoas con autismo.

A cabalgata de Boiro, organizada pola asociación parroquial de Santiago de Lampón pode presumir de ser unha das máis lonxevas de Galicia. Máis de medio século de tradición avalan a importancia desta cabalgata integrada por oito carrozas e máis de catrocentas persoas.

A principal novidade deste ano será o adianto do horario para evitar as longas esperas dos nenos posto que se trata dunha cabalgata cun amplo percorrido. sairá as catro e media da Magdalena para chegar ó concello preto das seis da tarde onde se celebrará a recepción de Reis. está previsto que pase por Escarabote a partir das sete e media. Incluirá un treito sen música nin ruído, entre o cruce da Avenida de Compostela e Salvador Allende para os nenos con autismo.

Outra das novidades introducidas este ano será a ausencia de cabalos. A organización decidiu prescindir dos animais para minimizar os riscos e garantir a total seguridade de partticipantes e asistentes.

A cabalgata finalizará coa misa de Reis que se celebrará ás nove da noite no Centro Social.