ESTRASBURGO> O modelo Pontevedra estivo hoxe no Parlamento Europeo, en Estrasburgo. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores presentou o traballo do seu equipo para mudar a cidade no marco do Foro Europeo do Centro das Cidades. E é que o obxectivo da iniciativa é analizar as propostas innovadoras das vilas que apostar por novas formas de mobilidade e pola peonalización dos seus centros.
Nun momento no que as cidades buscan novas formas de mobilidade e tenden a peonalizar os seus centros, é inevitable que Pontevedra se converta nun modelo a seguir.
O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores explicou o traballo feito para transformar a cidade dende a súa chegada a alcaldía no 1999. Fíxoo no Foro Europeo do Centro das Cidades, que esta mañá acolleu o Parlamento Europeo en Estrasburgo.
O rexedor fixo a súa intervención ante medio milleiro de persoas, moitas delas expertos en deseño urbano e mobilidade. Explicou que no modelo Pontevedra as rúas son espazos de convivencia co peón como epicentro.
Na mesa redonda na que participou Fernández Lores sentaron outras dúas cidades europeas: Liubliana, capital de Eslovenia, e Lund, en Suecia. Pontevedra e Madrid foron as únicas cidades do Estado convidadas ao foro. Tamén asistiron representantes de vilas doutros países, como Alemaña, Francia ou Estonia.