Tres negocios resiten ao abandono que sofre a praza de abastos de Vilaxoán

VILAXOÁN> Tres negocios manteñen con vida a histórica praza de abastos de Vilaxoán. Os traballadores denuncian o abandono que sofre o mercado por parte do concello de Vilagarcía. Piden numerosas reformas nas instalacións, entre as que destaca mudar o acceso á praza para mellorar a accesibilidade.

Dende hai anos o pobo de Vilaxoán está a sufrir un importante descenso de poboación. A maioría da xente moza mudouse a outros barrios de Vilagarcía ou outras vilas da contorna. Unha perda de habitantes que foi letal para os comercios da vila, especialmente para a praza de abastos, que resiste grazas á labor de tres negocios: Pescados Santamaría, a Carnicería Wenceslao e a Frutería Sara

Nos tres negocios traballan cinco vendedores que denuncian o abandono que sofre a praza.

Segundo as vendedoras son moitas as reformas que necesita a praza, pero a máis importante é a de mudar a entrada para dar máis visibilidade ao mercado.

As vendedoras fixeron un escrito ao concello coas súas reivindicacións. Aseguran que dende Ravella prometeron visitar a praza e atendelas pero que iso non aconteceu.

Os negocios resisten grazas á veciñanza que prefire produtos frescos e de calidade. As reformas permitirían a estas vendedoras mellorar as súas vendas e seguir mantendo viva a histórica praza de abastos de Vilaxoán.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí