Detido un arousán na operación contra o narcotráfico en Vilanova

VILANOVA> Detido un arousán no marco da última operación antidroga que se está a desenvolver na comarca do Salnés. Con el, o número de arrestados ascende a oito. O resto son cidadáns albaneses que están sendo postos xa a disposición xudicial. Esta operación desenvolvida conxuntamente pola Policía Nacional e a Garda Civil permitiu desartellar unha organización criminal e a incautación de 1.100 quilos de cocaína mentres era alixada nas costas de Vilanova.

Esta é a planadora que os narcos deixaron varada en Vilanova en canto se decataron que foran descubertos. Son imaxes difundidas pola Garda Civil e a Policía Nacional da operación conxunta que desenvolveron nas últimas horas e que permitiron desartellar unha organización criminal que introducía droga en Galicia a través do Salnés.

O número de detidos ascende a oito, logo de que transcendense a detención arousán. Os outros sete son cidadáns de nacionalidade albanesa que están sendo postos xa a disposición xudicial nos xulgados de Vilagarcía.

No marco deste dispositivo foron incautados 1.100 quilos de cocaína, que estaba sendo alixada nas costas de Vilanova cando se produciron as detencións dos sete albaneses. Foi na zona de Rego do Alcalde, na mesma zona onde en Noiteboa apareceu outra lancha de características semellantes.

No marco desta denominada ‘Operación Baroña’ os axentes tamén se incautaron dunha pistola, vehículos e equipos de comunicación.

Trátase dun operativo histórico, porque é o primeiro golpe no que unha banda de orixe balcánica intenta realizar unha descarga de droga directamente nas costas galegas. Uns feitos que veñen a demostrar a presenza deste tipo de organizacións centroeuropeas en Galicia.

A investigación, que comezou en novembro do ano pasado, continúa aberta.