A xustiza declara oficialmente morta a María José Arcos

RIBEIRA> Vinte e catro anos despois da súa desaparición, a lei declara oficialmente morta a María José Arcos. A familia viuse obrigada a solicitar a declaración do falecemento para poder resolver a herdanza da súa nai. Aínda así, manteñen viva a esperanza de que algún día se resolva o caso.

Hai agora un ano a familia de María José Arcos solicitaba no xulgado a declaración oficial do seu falecemento. Facíano non por convencemento senón obrigados pola burocracia para poder resolver a herdanza da súa nai.

Agora a xustiza vén de resolver o expediente fixando o falecemento oficial en 2007. A familia non entende os criterios para determinar esta data en lugar de 1996, fecha da súa desaparición. Foi o quince de agosto cando María José saíu da súa casa en Santiago para pasar unha xornada na praia e nunca volveu. O seu coche apareceu no faro de Corrubedo, pechado e coa documentación e o bolso no seu interior. Dende entón nada se soubo da moza que tiña entón trinta e cinco anos aínda que a familia sempre dirixiu as súas sospeitas cara un amigo co que quedara en verse aquela tarde, Ramiro Villaverde.

En 2011 o caso deu un xiro coa súa detención. Tras varios rexistros en fincas da súa propiedade, quedou en liberdade por falta de probas e a causa foi arquivada.

Malia que a investigación permanece dende entón en punto morto o caso non está pechado polo que os familiares manteñen aínda a esperanza de coñecer algún día que lle aconteceu a María José. A declaración oficial do falecemento non afecta ó desenvolvemento da investigación posto que se trata dun mero trámite para resolver a liquidación de bens.

 

 

 

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí