Non houbo ‘sorpasso’ en Barbanza e Muros-Noia

BARBANZA/NOIA> Nas comarcas do Barbanza e Muros-Noia, a pesar do notable incremento no número de votos do Partido Socialista, non se produciu o ‘sorpasso’, e o Partido Popular continúa a ser, en datos xerais, a forza máis votada. Iso si, por pouco, tan só 69 sufraxios.

As comarcas do Barbanza e Muros-Noia, ó contrario do que aconteceu noutras zonas, seguen a ser populares. En datos xerais, en número de votos, o Partido Popular continúa a ser a forza máis votada con 17.959 sufraxios. Aínda así a súa hexemonía vese ameazada cunha suba incuestionable do Partido Socialista. Aumentou 5.470 votos, quedándose a tan só 69 votos dos populares.

O PSOE recupera concellos coma os de Rianxo, Boiro, A Pobra, Outes e Muros. Municipios en todos eles nos que o partido do puño e da rosa foi o grupo máis votado. O PP, aínda que cae significativamente en número de apoios en todos eles, segue a conservar Ribeira, Noia, Lousame e Porto do Son, neste último por apenas catro votos.

En canto ó resto de forzas políticas destacar, ó igual que noutras zonas, a irrupción de Vox, que pasa de apenas 78 votos en 2016 a 3.374, con resultados sorprendentes en Ribeira, onde chegou ós 1.062 apoios. Tamén suben Cidadáns, en datos xerais en máis de 2.150 votos en relación ás últimas Xerais, e o BNG, con 2.711 sufraxios máis, axudado tamén polo descalabro de En Marea.

Ningún dos candidatos do Barbanza con opcións de obter representación no Congreso, os dous nas filas do Partido Popular, o noiés Julio Bustelo, número cinco pola provincia da Coruña, e a ribeirense Mariola Sampedro, no número 6, estarán en Madrid. Como tampouco o estará o o único candidato do Barbanza ó Senado, neste caso polo BNG, o exalcalde de Boiro Xosé Deira.