RIBEIRA> O alcalde, Luís Pérez Barral, e o xerente de Conservas Cerqueira, Manuel Aldao, foron os encargados de asinar este acordo que permitirá pechar o expediente administrativo de compra da antiga factoría emprazada na zona de Bandorrío, para que poida pasar a engrosar o patrimonio municipal.
O alcalde agradeceu tamén a boa disposición da conserveira, que deu sempre facilidades para poder chegar a un acordo, que permitirá que Ribeira poida dispoñer dunha nave industrial de conserva tradicionais en perfecto estado de conservación e que mantén aínda a día de hoxe a súa estrutura orixinal.
Dende o Concello valoraron moi satisfactoriamente este acordo, froito do traballo levado a cabo nestes últimos anos.
Para a firma, a sinatura deste acordo é tamén satisfactoria xa que permitirá poder preservar a nave para uso e disfrute de tódolos ribeirenses.
A compra da nave de Cerqueira enmárcase nun plan máis ambicioso, dentro do programa ‘Ribeira Atlantica 2030’ cunha dotación de fondos europeos duns seis millóns e medio de euros, que contempla a rehabilitación integral do barrio de Bandourrío e a súa integración co resto do casco urbano, para tratar de recuperar a identidade da vella Ribeira, moi ligada á tradición mariñeira.











