Vilanova confirma a súa participación nos actos da Mancomunidade do Salnés en Fitur

 VILANOVA> O Concello de Vilanova confirma a súa presenza en Fitur da man da Mancomunidade do Salnés. O alcalde defende que non pode ser doutro xeito  porque moitos dos traballos que se van presentar, segundo di, fíxoos el cando aínda era presidente da entidade comarcal. Ademais, Gonzalo Durán avanzou tamén que Vilanova acaba de rexistra-la marca “Mar de Santiago” para a promoción xacobea do Salnés e o Ulla.

Vilanova mantense fiel á súa cita con Fitur. Tralo ruxe ruxe que apuntaba a que a localidade se desvincularía da Mancomunidade do Salnés, hoxe o alcalde confirmou que estará presente na Feira de Turismo da man da Xunta, pero tamén da entidade comarcal.

Gonzalo Durán aproveitou tamén para avanzar que o Concello de Vilanova acaba de rexistra-la marca Mar de Santiago, para o fomento do turismo vinculado ó Xacobeo no Salnés e no Ulla. A idea é que os concellos da contorna que o desexen se poidan unir ó proxecto. Avanza que xa hai varios comprometidos a adherirse.

Explica que a súa idea é que a xente que chegue a Santiago, do mesmo xeito que vai ata Fisterra, faga o camiño tamén ata Vilanova. Durán di que se trata dun produto turístico moi interesante para as touroperadoras. Indica que o seu obxectivo é presenta-lo proxecto en Fitur nun par de semanas, aínda que recoñece que o tempo está a xogar na súa contra. Con todo, marca como obxectivo o Xacobeo 2021 para a súa consolidación.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí