POIO> O Concello de Poio quere poñer en valor a riqueza paisaxística do seu municipio. E para facelo, pon en marcha a iniciativa “O teu Xacobeo”. Un proxecto no que se percorrerán, de maneira gratuíta, 8 tramos do Camiño de Santiago.
Poñer en valor a riqueza paisaxística do municipio e dar a coñecer Galicia aos galegos. Eses son os dous obxectivos principais deste proxecto. Baixo o nome “O teu Xacobeo. 8 fitos do Camiño do Santiago”, o Concello de Poio porá en marcha nas vindeiras semanas 8 andainas nas que se percorrerán pequenos tramos das distintas rutas xacobeas.
Tui, San Cristovo de Cea, O Cebreiro, Bóveda, Sobrado dos Monxes, Pontedeume, Catoira e Muxía. Eses son os 8 lugares que se percorrerán nestas rutas. Todas elas serán de balde e sairán dende a Praza do Mosteiro de Poio.
A primeira ruta será a do Camiño Portugués. A andaina comezará en Tui e nela visitarase a contorna natural de As Gándaras de Budiño.
As rutas terán lugar cada sábado do 25 de xaneiro ata o 28 de marzo. Todos os que queiran inscribirse poden facelo no propio Concello ou a través do correo deportes.poiomovese@concellopoio.gal