PONTEVEDRA> O BNG anunciou esta mañá as iniciativas que presentará no Parlamento galego nesta recta final de lexislatura. A prioridade dos nacionalistas será a defensa dos servizos públicos. Centrándose, en especial, na sanidade.
O deputado nacionalista Luís Bará presentou esta mañá en rolda de prensa os asuntos que trasladará ao Parlamento Galego nesta recta final de lexislatura. Tras os resultados das últimas eleccións xerais, o portavoz do BNG asegura que o seu partido está máis reforzado ca nunca para afrontar este novo período.
A defensa dos servizos públicos será unha das prioridades do BNG para esta recta final. Os nacionalistas denuncian a crise e o deterioro que está a sufrir a sanidade pública, así como a presión e o estrés ao que están sometidos os facultativos de Atención Primaria.
A dragaxe do Lérez será outro dos temas que trasladará o BNG ao Parlamento. Os nacionalistas propoñen a posibilidade de tratar en terra os materiais máis tóxicos.
Á pregunta de se volverá a ser candidato á Xunta pola provincia de Pontevedra, Luís Bará respondeu que a el si lle gustaría continuar na nova etapa, pero que é unha decisión que debe tomar a organización. Pola súa banda, Ana Pontón será proclamada, este domingo, como candidata do BNG á presidencia do Executivo galego.











