Mariñeiros do Barbanza demandan axudas para asistir ós cursos de formación en Bamio

NOIA> Mariñeiros do Barbanza reclaman axudas para asistir ós cursos de actualización que se imparten no Centro de Formación Marítima de Bamio. Consideran un agravio comparativo que os asistentes doutras comunidades conten con transporte e aloxamento subvencionado.

Carlos Gómez leva recadadas xa catrocentas sinaturas entre os mariñeiros do Barbanza. O obxectivo é conseguir algún tipo de subvención para cubrir os gastos de desprazamento ó Centro de Formación Marítima de Bamio, onde teñen que realizar os cursos de actualización obrigatorios. Na actualidade non dispoñen dunha liña de transporte público directa polo que deben desprazarse en vehículos privados asumindo os custos.

Tampouco teñen aa posibilidade de aloxase no propio centro de formación que dispón de dependencias habilitadas para este fin. Consideran que esta situación supón un agravio comparativo co resto de mariñeiros doutras comunidades que si reciben axudas para asistir ós cursos.

A partir de 2021 a situación empeorará posto que os mariñeiros que están en activo terán tamén que renovar os cursos, non só para Mariña Mercante senón tamén para a pesca polo que se incrementará o número de afectados.

Carlos Gómez lembra que estes cursos son obrigatorios para poder embarcar e tan só existen dous centros públicos onde poder realizalos.