POIO> O PP de Poio denunciaba hai unhas semanas a intención do Concello de subir os valores catastrais de todos os veciños. Este asunto foi levado esta mañá a un pleno extraordinario. Na sesión, o goberno municipal defendeu a necesidade de actualizar estes valores, co obxectivo de evitar subas acumuladas.
A xornada de hoxe comezou forte para a corporación municipal de Poio. Ás 9:15 horas da mañá púñase en marcha este pleno extraordinario. O motivo, a moción presentada polo PP tras coñecer a intención do Concello de actualizar os valores catastrais. Os populares acusaron ao goberno local de falta de transparencia e de espolio fiscal ao solicitar esta revisión ao Ministerio de Facenda sen informar antes aos veciños.
O Concello de Poio entende que esta actualización dos valores catastrais é necesaria e defende que de non ser así, habería subas acumuladas nos vindeiros anos.
Na provincia de Pontevedra, soamente 10 Concellos pediron esta actualización dos valores catastrais e, destes municipios, o de Poio é o que ten a revisión máis actual. Data do ano 2016. Sen embargo, o goberno local asegura ter un dos rexistros máis baixos de toda a provincia.
A tensión estivo presente durante toda a sesión plenaria. En especial, cando o PP acusou ao goberno municipal de subir os seus soldos ao mesmo tempo que sube o IBI e as plusvalías.