NOIA> A colaboración cidadá permitiu a detención dun veciño de Noia como presunto autor dun delito de tráfico de drogas. Unha denuncia anónima alertaba da venda e distribución de sustancias estupefacientes nas inmediacións dun centro educativo da vila.
A Patrulla Fiscal e de Fronteiras da Garda Civil de Noia detivo a un veciño da vila por un presunto delito contra a saúde pública. A investigación iniciouse a raíz dunha denuncia anónima realizada na Oficina de atención ó cidadán a través da páxina web da Dirección Xeral da Garda Civil. O denunciante informaba da posible venda de sustancias estupefacientes nas inmediacións dun centro educativo do municipio.
Os axentes procederon entón a intensificar a vixilancia nas proximidades de varios institutos e colexios seguindo as directrices do Plan Director para a Convivencia e Mellora da Seguridade nos centros educativos. No marco destas tarefas de vixilancia, observaron a varios mozos nas inmediacións do colexio María Assumpta reunidos e sen respectar as normas de distanciamento social.
Cando se achegaron a advertirlles, observaron que estaban a consumir marihuana polo que procederon á identificación dos compoñentes do grupo, varios deles menores de idade. No rexistro dun dos rapaces, acharon un envoltorio con haxix, tres bolsiñas con cogollos de marihuana,máis de 200 euros en moedas e unha báscula de precisión. Os axentes procederon á súa detención como presunto autor dun delito contra a saúde pública así como á incautación das sustancias achadas. Foi posto a disposición do Xulgado de Instrución de Garda de Noia.