Verán de récord para o Camiño Portugués, que xa recupera expectativas prepandemia

PONTEVEDRA> O Camiño Portugués a Santiago presume de boa saúde. Milleiros de peregrinos escollen a diario esta ruta para chegar a Compostela, e a cidade de Pontevedra é testemuña directa desta afluenza continua. Estes días non é raro que o albergue público da cidade, con 92 prazas, colgue o cartel de completo. Tanto é así que dende a Asociación de Amigos do Camiño Portugués agardan acadar a cifra de 120.000 peregrinos neste 2022.

As súas orixes son variadas. Tamén as súas motivacións. Pero todos coinciden á hora de sinalar o Camiño de Santiago como unha experiencia que hai que vivir.

Son algúns dos peregrinos que hoxe chegaron ao albergue público de Pontevedra. Fixérono a través do Camiño Portugués, que acada xa datos prepandemia.

Pontevedra é testemuña directa deste éxito. Tanto a ruta tradicional como a variante que percorre a costa pasan pola cidade.

As cifras animan, dende logo, ao optimismo. Dende a Asociación de Amigos do Camiño Portugués agardan conseguir neste 2022 as expectativas que tiñan para o 2021 antes da chegada da pandemia: acadar os 120.000 peregrinos no ano.

Estes días, a afluenza de peregrinos tamén se incrementou pola chegada de grupos da Peregrinación Europea de Xóvenes. Precisamente, a xente nova é a que máis escolle o albergue público pontevedrés.

Ata xuño, 43.000 peregrinos que escolleron o Camiño Portugués recolleron a Compostela en Santiago. A esta cifra hai que sumar aos que non fan a peregrinaxe por motivos relixiosos. Segundo Tino Lores, a cifra total podería situarse nos 50.000 camiñantes no primeiro semestre.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí