PONTEVEDRA> No 2025, a Xunqueira de Alba debería estar recuperada. Esa é a data que se marcan na Deputación de Pontevedra para trasladar o parque de maquinaria ó polígono de Barro e mellora-lo humidal. O proxecto deixa no aire o futuro da imprenta provincial, que aínda non está decidido. Para a presidenta provincial esta é unha gran noticia, que demostra o compromiso serio e real do seu goberno co medio ambiente.
Esta é a imaxe dun espazo natural perdido pola acción do ser humano. Agora, a Deputación de Pontevedra quere reverter esta estampa, iniciando o procedemento para trasladar o Parque de Maquinaria ó polígono de Barro, derrubar estas instalacións e recupera-lo humidal da Xunqueira de Alba, declarado en 2012 o primeiro Espazo Natural de Interese Local de toda Galicia.
Para a presidenta provincial, este proxecto demostra o compromiso da Deputación co medio ambiente.
O traslado do Parque de Maquinaira e a recuperación da Xunqueira custará máis de 3 millóns de euros. Aínda que sen prazos establecidos, a Deputación marca o horizonte do 2025 para culmina-lo proxecto, que divide en tres fases.
Carmela Silva xa advirte que detrás deste proxecto hai un traballo administrativo denso e que pode implicar cambios no proxecto inicial. Alén desas posibles modificacións que poidan xurdir na idea inicial nos vindeiros anos, a presidenta fala de “boa noticia” para Pontevedra e o medio ambiente.
O vicepresidente provincial aproveitou para lamenta-la degradación que sufriron en España moitos humidais e marismas por mor da actividade humana. Advirte que recupera-la será moito máis complicado do que foi estragala.
O proxecto deixa no aire o que pode pasar coa imprenta provincial, situada ó carón do parque de maquinaria. A intención da Deputación é eliminar tamén este edificio. Con todo, non ten decidido o futuro deste servizo, que naceu para imprimi-lo Boletín Oficial da Provincia, documento que só se edita agora en formato dixital.