MEAÑO> As adegas cualifican de moi boa a colleita deste 2020. Despois dun ano moi esixente en canto a tratamentos, os expertos sinalan que a uva recollida é de gran calidade. Agora aconsellan aos viticultores descansar e repoñer forzas para o comezo da poda a final de ano.
A campaña do 2020 chegou ao seu final nos viñedos. Despois dun ano con moitas complicacións, os viticultores tiveron que apurar a colleita para evitar as chuvias. As adegas cualifican o resultado de exitoso.
A calidade da uva é o resultado do gran traballo dos viticultores que viviron unha tempada moi esixente en canto aos tratamentos para combater o mildeu.
Os viticultores aproveitan esta época para descansar. Os que no o fan poden realizar outras tarefas nos viñedos como limpar as vides e marcalas antes do comezo da poda. As adegas dedican esta etapa a realizar os estudos do chan.
As adegas tamén aproveitan esta época para realizar formación cos viticultores, aínda que dada a situación actual de crise sanitaria, este ano está moi complicado. O consello dos expertos aos viticultores é que descansen e que repoñan forzas para o comezo da poda a final de ano.