A veciñanza da Fonte da Coca denuncia que sofren unha praga de ratas ‘como gremlins’

VILAGARCIA> Os veciños da Fonte da Coca de Vilagarcía denuncian que sofren unha praga de ratas dun tamaño considerable. Os animais atópanse nunha finca abandonada próxima ao parque da zona. Piden ao concello que tome medidas para arranxar o problema xa que a praga supón un risco para toda a veciñanza e especialmente, para os máis pequenos.

Os veciños da Fonte da Coca levan anos sufrindo as consecuencias derivadas dunha finca de gran tamaño abandonada. Un abandono que propiciou o asentamento de animais na zona. Tras denunciar en varias ocasións a existencia de ratas, finalmente, segundo o presidente da asociación de veciños, dende Plagal certificaron que hai unha praga de ratas.

Segundo indican os veciños, as ratas ademais teñen un gran tamaño, chegando incluso a trepar polas árbores e roubar froita como mazás e abelás das vivendas máis próximas.

A veciñanza ten medo de atoparse con estes roedores.

Dado que descoñecen quen é o propietario da finca, dende a asociación de veciños piden ao concello que actúe.

O medo polas ratas non é o único ao que temen os veciños por culpa do mal estado desta finca. Tamén denuncia que durante o verán pode incendiarse e causar graves consecuencias para toda a veciñanza da zona.