VILAGARCÍA> Tres persoas feridas nun aparatoso accidente rexistrado esta mañá en Rubiáns, en Vilagarcía. Primeiro, produciuse un choque múltiple entre unha furgoneta, un camión e un guindastre. A continuación, e a consecuencia dese primeiro sinistro, rexistrouse outra colisión entre dous turismo. Os tres feridos foron trasladados ao Hospital do Salnés, en príncipio, con feridas leves.
A xulgar por estas imaxes, o accidente puido ter peores consecuencias. O sinistro rexistrouse pouco despois das 11 desta mañá, na avenida de Rubiáns, en Vilagarcía, á altura de Baygar. Trátase, en concreto, do quilómetro 235 da N-640. Segundo relataron para Canal Rías Baixas testemuñas presenciais, primeiro produciuse un choque por alcance entre esta furgoneta, o camión e o guindastre. Seica a primeira quería facer un xiro á esquerda e os que viñan detrás dela, non puideron reaccionar a tempo.
A continuación, e a consecuencia dese primeiro sinistro, produciuse o segundo choque. Neste caso, entre dous turismos, que viñan en sentido ascendente e que, finalmente, foron os que acabaron levando a peor parte.
O resultado deste dobre accidente: tres persoas feridas. Foron trasladadas ao Hospital do Salnés, con ferídas de pouca consideración.
Ata o lugar dos feitos, ademais dos efectivos sanitarios que se encargaron de evacuar aos feridos, achegáronse efectivos de Emerxencias de Vilagarcía e tamén a Garda Civil e a Policía Local.
Ao tratarse dun dos principais accesos á cidade, cun denso volume de tráfico, na zona creáronse retencións. Para desconxestiona-lo tráfico, estableceuse a circulación alterna no primeiro dos carrís, que quedou despexado, o de saída. Xa ao mediodía, a zona quedaba completamente limpa, logo da intervención do servizo de mantemento da estrada.