Pontevedra converterase na capital do deporte feminino coa celebración do “Tour Universo Muller”

PONTEVEDRA> Pontevedra converterase no mes de marzo na capital nacional do deporte feminino. O será grazas ao Tour Universo Muller. Un evento impulsado polo Consello Superior de Deporte e a Fundación Deporte Xoven e que aterrará na cidade do Lérez cun maratón de fitness e unha carreira pola igualdade.

Potenciar o deporte feminino, difundir os éxitos das nosas deportistas e fomentar a participación da muller neste sector. Eses son os principais obxectivos do Tour Universo Muller. Unha iniciativa do Consello Superior de Deportes e a Fundación Deporte Xoven que chegará a Pontevedra no mes de marzo.

O Tour Universo Muller aterrará en Pontevedra a fin de semana do 6 ao 8 de marzo. O venres pola tarde haberá un Foro sobre Muller e Deporte. Nel intervirán referentes nacionais e locais deste sector. A programación continuará o sábado con diversas actividades. Na Praza de España haberá 16 stands informativos para que as federacións participantes exhiban as súas disciplinas. A xornada completarase cun maratón de fitness.

O domingo, o día internacional da muller, levarase a cabo a carreira “Pontevedra en forma pola igualdade”. A proba comezará ás 11h na Praza de España e nela poderán inscribirse ata 2.000 persoas. As inscricións están xa dispoñibles na web www.touruniversomujer.es a un prezo de 4 euros.

Pontevedra converterase así na décimo sétima localidade española en albergar este Tour Universo Muller. No acto de presentación, tanto a presidenta da Deputación como o alcalde da cidade, quixeron poñer en valor a importancia de dar visibilidade ao deporte feminino.

O Tour Universo Muller contará con dous padriños de excelencia. O padriño será Juan Saavedra, medallista mundial paralímpico de tiro. A madriñá será a loitadora Lydia Pérez Touriño. Esta mañá fixéronselle entrega dos dorsais 0 e das camisetas da carreira solidaria.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí