O Piñeiriño, o barrio máis compostador de Vilagarcía

VILAGARCÍA> O Piñeiriño é o barrio máis compostador de Vilagarcía. O concello acaba de ampliar unha das dúas illas de compostaxe neste barrio ante a alta implicación da veciñanza. Ademais, esta fin de semana, coincidindo co Solifest, a Asociación Breogán promoverá entre o público que depositen os refugallos orgánicos que se xeren no festival nestes colectores.

O barrio do Piñeiriño é todo un exemplo na implicación da súa veciñanza na compostaxe de materia orgánica. Trátase da zona de Vilagarcía que máis concienciada está con esta tarefa. Por iso, o concello decidiu ampliar unha das dúas zonas de composteiros coas que contan no barrio.

Ademais, o concello instalou cinco novos composteiros comunitarios noutras partes da cidade, varios deles preto dos centros educativos para fomentar a compostaxe entre a rapazada. No caso deste do Piñeiriño, gañou catro novas unidades.

E para seguir concienciando sobre este servizo, a asociación veciñal Breogán vai aproveitar este domingo a celebración do Solifest para promover o seu uso. Fan un chamamento a que todos os residuos orgánicos que se xeren no festival vaian para estes colectores.

Para iso, a organización porá a disposición do público que se achegue ao Solifest caldeiros para compostar, así como folletos informativos.