O BNG do Salnés participará de xeito activo na manifestación en defensa da sanidade deste domingo

VILAGARCÍA>  Conta atrás para a gran mobilización en defensa da sanidade, prevista para este vindeiro domingo en Santiago. Hoxe foi o BNG do Salnés o que animou a participar nesta manifestación. Indican que na comarca hai exemplos dabondo que demostran o deterioro do sistema sanitario, como consecuencia dos recortes da Xunta. Din que detrás desta situación só hai un responsable: Alberto Núñez Feijóo.

Menos orzamento, menos recursos, menos profesionais, máis recortes e máis precariedade. Esa é a radiografía que fai o BNG da sanidade pública na comarca do Salnés e pola que, segundo din, cómpre manifestarse o vindeiro domingo. Os nacionalistas din que sobran os exemplos nos concellos da volta que demostras o grave deterioro do sistema. Para os nacionalistas, detrás deste demoledor balance só se agocha un responsable: o presidente da Xunta.

Os nacionalistas poñen exemplos concretos nos concellos da comarca da situación que vive a sanidade pública. En Vilagarcía, por exemplo, danse listas de espera de ata tres semanas na atención primaria.

Outro dos concellos que nos últimos anos foi vítima dos recortes é Cambados.

Os nacionalistas chaman tamén a atención sobre a situación do ambulatorio do Grove, que tachan de insuficiente e deficiente, ou da reforma que se fixo do da Illa, que considran “un parche” .

Tamén poñen o foco na tan demandada ambulancia medicalizada para O Salnés que, despois de tantos anos, chega á comarca a medio gas, dotada cun único técnico.

A sucesión de deficiencias, din dende o BNG, non remata aquí, polo que fan un chamamento a participar na manifestación do vindeiro domingo  impulsada por SOS Sanidade Pública. Aseguran que estamos a piques de cruzar un punto de non retorno no desmantelamento do sistema.