Os orzamentos de Vilagarcía acariñan os 30 millóns de euros

VILGARCÍA> Os orzamentos de Vilagarcía para 2020 acariñan os 30 millóns de euros. As contas quedan nos 29.800.000 euros.  Estamos a falar dun incremento de case o 8% con respecto ó ano anterior.

O Concello prevé ingresar máis de 17 millóns en recursos propios, como impostos ou taxas. En canto a gastos, os custos relativos aos bens correntes e ao funcionamento e prestación dos servizos que presta o Concello directamente á cidadanía son os que levan a partida máis grande do gasto. Destínanse máis de 11.700.00 euros.

O capítulo de persoal supón un gasto de case 11 millóns e medio, mentres que para investimentos resérvanse 2 millóns de euros para investir en distintos tipos de actuacións.

Con estes números e incluído xa o novo préstamo, o nivel de endebedamento do Concello situaríase no 23,7%, un nivel que se situá lonxe dos topes que establece a lei. Contabilizando o préstamo, a débeda viva sería de algo máis de 5.600.000 euros. A intención do goberno local é reducila de forma considerable, tendo en conta que en 2020 está previsto amortizar máis de 1 millón de euros.

En canto a investimentos, Ravella vai destinar 680.000 euros á ampliación da piscina municipal, 200.000 ó primeiro pago da compra do local do Casino, 100.000 para mercar un inmoble para o Punto de Encontro Familiar e 43.000 euros para o acondicionamento dos vestiarios do campo de fútbol de Bamio.

O alcalde, salienta que este ano increméntase o gasto social máis dun 6%. Alberto Varela fala dunhas contas “realistas”.