O entroido de Cambados repartirá uns 15.000 euros en premios

CAMBADOS> En Cambados xa teñen todo listo para celebrar o entroido. Vaise celebrar do 28 de febreiro ao mércores 5 de marzo.

Este ano con dúas grandes novidades. A primeira, é que toda a veciñanza poderá participar no concurso ‘A túa cara sóame’, unha proposta que xa veñen celebrando na vila nos últimos anos con figurantes. Desta volta, o concello convida aos veciños máis artistas a que sexan eles os protagonistas e protagonicen as actuacións musicais. Esta será unha das primeiras actividades que se van celebrar, xa o venres 28 na praza de Alfredo Brañas.

Outra das novidades deste ano chega o martes 4, co concurso de comparsas, que muda de localización. Trasládase ao Auditorio da Xuventude, para que o público poida seguir as actuacións e escoitar as letras dun xeito máis cómodo.

A programación complétase con actividades infantís, bailes e concursos de disfraces e o desfile de carrozas e maquetas, que se vai celebrar o domingo día dous. Neste caso agardan a participación dunha vintena de carrozas.

Para toda estas actividades, o concello de Cambados vai mobilizar uns 15.000 euros en premios entre todas as propostas que teñen preparadas para este ano.

O entroido rematará o mércores de cinza, co enterro da sardiña. Este ano, queimarán unha maqueta de Altri.