Noia inaugura o Open de Andainas de Regularidade

NOIA> Noia acollerá a primeira etapa do Open de Andainas de Regularidade. Será o domingo dezaseis de febreiro. O Club Trabandainas, encargado da organización, agarda chegar ata os catrocentos participantes.

A asociación Trabandainas e o concello de Noia colaboran na organización desta andaina que suporá o punto de partida dun ciclo de sete rutas por toda Galicia.

O percorrido componse de vinte e cinco quilómetros con dificultade media aínda que se deseñou unha ruta alternativa de quince quilómetros para tódolos públicos.

A peculiaridade das andainas de regularidade reside en que prima o ritmo sobre a velocidade polo que non ten que gañar o máis rápido senón o máis regular.

A práctica deportiva irá acompañada da beleza natural da paisaxe posto que o percorrido aúna as marxes dos ríos San Xusto, Vilacova e Traba. Oss interesados en apuntarse poden facelo a través da web cronocheck.com.

O prezo para a andaina longa será de dez euros para deportistas federados e trece para non federados. A cota de inscrición na ruta corta é de seis euros para federados e nove non federados.