Cambados volve namorar polo San Valentín cunha orixinal campaña

CAMBADOS> Cambados volverá namorar no San Valentín. O Concello e os comerciantes de Zona Centro volven poñer en marcha unha campaña chea de amor. Haberá letreiros en varios puntos do municipio para que a xente saque fotos e as suba ás redes sociais. Este ano, tamén se vai instalar ó pé da Torre de San Sadurniño. Outra novidade: van instalar un ramo de flores xigante diante da Casa do Concello.

Por San Valentín, Cupido volve crava-las súas frechas en Cambados. O Concello, en colaboración con Zona Centro, lanzan a segunda edición da campaña ‘Cambados namora’.

Dende este venres e durante toda a fin de semana, a vila encherase de carteis coas palabras ‘Cambados’, ‘bico’ ou ‘amor’. Van estar situados en varios puntos destacados do municipio, ós que este ano tamén se suma a torre de San Sadurniño.

A idea é que veciños e clientes saquen fotos nestes espazos e que as suban nas redes sociais co cancelo #cambadosnamora.  As mellores imaxes levarán premio, entre eles, unha escapada romántica.

Outra das novidades este ano vén da man do obradoiro de xardineira. Vai decora-la Praza do Concello cun pintoresco ramo xigante.

Dende o colectivo de comerciantes celebran a iniciativa.

O San Valentín en Cambados complétase con cartas de amor, poemas de Ramón Cabanillas e un obradoiro infantil no Pazo de Torrado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí