Pontevedra quenta motores de cara ao Xacobeo 2021 cunha ampla programación cultural

PONTEVEDRA> Pontevedra acollerá unha ampla programación cultural vinculada á celebración do Xacobeo 2021. Unha iniciativa enmarcada no programa “Xacobeo Cidades” da Xunta de Galicia e que se desenvolverá este mesmo ano.

Pontevedra quenta motores para a celebración do Xacobeo 2021. A Xunta de Galicia achegará á Cidade do Lérez unha programación cultural baseada na sustentabilidade, na descentralización e na participación. Con ese obxectivo creouse o programa “Xacobeo Cidades”.

Coa intención de implicar a todos os axentes na celebración do Xacobeo 2021, o conselleiro de Cultura e o alcalde de Pontevedra mantiveron esta mañá unha reunión para definir a folla de ruta deste programa cultural. Un proxecto que contará cun gran evento central que se levará a cabo este mesmo ano. Todo parece indicar que será un concerto dun grupo internacional.

Neste encontro, o alcalde de Pontevedra quixo poñer en valor o papel da cidade no Camiño Portugués. Ademais, Lores anunciou que porá a disposición da Xunta de Galicia todos os espazos necesarios para desenvolver este programa cultural.

A programación deste evento cultural estará definida nun par de meses. A partir de aí, o goberno municipal e a administración autonómica traballarán conxuntamente para desenvolver todas as actividades. As cales irán dirixidas a todos os públicos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí