A ANPA do CEIP Escarabote súmase ó proxecto Salvavidas

BOIRO> A ANPA de Escarabote vén de sumarse ó Proxecto Salvavidas. A través da venda de pulseiras solidarias financiarán a adquisición dun desfibrilador e un equipo anti-asfixia. A acollida por parte das familias non puido ser mellor posto que venderon as primeiras catrocentas pulseiras nun tempo record.

A ANPA do CEIP de Escarabote vén de poñer en marcha unha orixinal iniciativa para converter ó colexio boirense nun centro cardioprotexido. A través da venda de pulseiras solidarias, deseñadas polo Kukuxumuxu, financiarán a adquisición dun desfibrilador, un equipo anti asfixia e a formación necesaria para o persoal encargado de usalo.

A acollida non puido ser mellor e as catrocentas pulseiras da primeira fase esgotáronse en cuestión de días. Agora veñen de recibir a remesa final que lle permitirá acadar o seu obxectivo. Os interesados en adquirir algunhas destas pulseiras e colaborar coa causa poden pasarse polo colexio ou contactar coa ANPA para reservar a súa.

Precisamente a idea xurdiu a través do exemplo do colexio de Frións, en Ribeira, pioneiro en desenvolver esta iniciativa, converténdose así os dous únicos centros educativos de toda a comarca que participan no proxecto Salvavidas.