SOS Sanidade Pública supera xa as 8.000 sinaturas no Salnés na defensa da atención primaria

CAMBADOS> A recollida de sinaturas da plataforma SOS Sanidade Pública fixo hoxe parada en Cambados. O colectivo continúa buscando apoios para a súa iniciativa lexislativa popular en defensa da atención primaria. Indican que a localidade é unha das máis prexudicadas polos recortes da Xunta. Fan un chamamento á veciñanza a apoi-la campaña e a participar na manifestación do 14 de outubro en Vilagarcía.

A plataforma SOS Sanidade Pública continúa sumando sinaturas en apoio á iniciativa lexislativa popular en defensa da atención primaria. O colectivo fixo hoxe parada en Cambados, un dos municipios do Salnés, segundo lembran, máis afectados polos recortes na sanidade pública.

Polo posto que instalaron ás portas do centro de saúde foron desfilando esta mañá multitude de veciños, preocupados polo futuro da sanidade pública galega.

Apoiando as reivindicacións da Plataforma tódolos partidos da esquerda, con representación no Concello de Cambados. PSOE, BNG e Somos Cambados coinciden en acusar ao PP do desmantelamento sistemático da sanidade pública. Avanzan que apoiarán no Pleno a moción promovida por SOS Sanidade Pública. Pídenlle ao PP que se molle e que se poña do lado dos veciños e non da Xunta.

A campaña de recollida de sinaturas avanza a bo ritmo. Só no Salnés conseguíronse xa máis de 8.000 apoios. Unha cifra que seguirá aumentando nos vindeiros días: este posto ten aínda por diante varias paradas en concellos como Meis, Catoira ou de novo Cambados. Piden á cidadanía non só asinar a favor da iniciativa, senón tamén participar de xeito masivo na mobilización do 14 de outubro en Vilagarcía.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí