A falta de medidas anti-COVID fai que o concello de Cambados non colabore no Capítulo

CAMBADOS> Nova polémica entre o Capítulo do Albariño e o concello de Cambados. O goberno municipal négalle a loxística que solicitaron para o acto do domingo. Explican que na petición faltan documentos que garantan que no evento se van cumprir as normas dispostas pola Xunta de seguridade sanitaria fronte á COVID-19. Así as cousas, para o edil de Seguridade Cidadá a decisión de celebrar o acto é unha irresponsabilidade.

A celebración do Capítulo Serenísimo do Albariño este domingo volve enfrontar á Orde co concello de Cambados. A orde solicitou o pasado venres o apoio loxístico municipal para o acto, que finalmente foi denegado polo goberno. Outras edicións, o concello achegaba elementos como cadeiras, mesas ou a presenza de Protección Civil.

Segundo Cordal, con este posicionamento só están a esixir que se cumpran as normas que dispuxo a propia Xunta de Galicia. Entre elas, está a recomendación de que nas reunións privadas non se xunten máis de 25 persoas. Descoñécese cantos convidados asistirían aos actos do Capítulo, pero trascendeu que se solicitaron 125 cadeiras.

Ademais, para o edil de Seguridade Cidadá a decisión de manter o Capítulo é unha irresponsabilidade. Máis aínda cando o concello decidiu que non celebraría a Festa do Albariño deste ano, na que só se van manter as actividades de carácter sectorial organizadas polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas.

A intención da Orde era celebrar dous actos: o irmandamento coa confraría portugesa do Ravelo o sábado e o Capítulo Serenísimo o domingo pola mañá. Segundo os organizadores, sería un evento restrinxido, ao que só se podería asistir con invitación nominal.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí