OUTES> O BNG de Outes presentou unha proposta no Concello para a recuperación medioambiental da zona coñecida como da Marea, no esteiro do Tambre. Denuncian a situación de abandono que sofre dende hai anos este espazo, que forma parte da Rede Natura, coa cualificación de Zona de Especial Conservación.
A recuperación da zona do esteiro, na desembocadura do Tambre, entre o Conchido e Ponte Nafonso, era unha das propostas que o BNG levaba no seu programa de goberno. Para os nacionalistas trátase dun espazo singular, cunha riqueza paisaxística e medioambiental que cómpre recuperar.