MUROS> O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, anunciou esta mañá en Muros tres actuacións que se acometerán en outros tantos polígonos da comarca.
As obras forman parte dunha liña de axudas posta en marcha pola consellería de Economía, Industria e Innovación coa que se pretende solucionar determinadas eivas de infraestruturas que presentan estes parques empresarias.
Dúas destas actuacións levaranse a cabo nos polígonos de Espiñeira en Boiro e Xarás en Ribeira. A outra será precisamente no parque empresarial muradán de Ventín. O investimento que a Xunta destinará a este fin será de máis de 217 mil euros.
A alcaldesa muradá, Inés Monteagudo, mostrou o seu agradecemento por esta importante actuación que permitirá a construción dun novo colector de saneamento que conecte as augas do parque empresarial á rede municipal.
A rexedora tamén agarda que en breve se dea tamén solución a outras carencias que presenta actualmente o parque como é o reparto da correspondencia por parte de Correos e tamén a construción dun punto de recollida de residuos.
No caso do polígono de Espiñeira a actuación irá destinada a acondicionar unha zona de descanso e de aparcamento por un importe duns 80 mil euros, mentres que en Ribeira realizarase a mellora das instalacións de pretratamento das augas residuais por un valor de 120 mil.