Caldas propón crear un novo GES para librarse do conflito dos extraballadores de Valga

CALDAS> Caldas renuncia a se-la sede do GES de Valga. O Concello di que temen unha posible subrogación do persoal do extinto servizo da localidade veciña, o que podería traducirse, nun futuro, na súa readmisión. O alcalde explica que se iso chegase a ocorrer, o servizo contaría con 24 traballadores asumidos polo concello. Como alternativa, Juan Manuel Rey propón crear un novo GES mancumunado entre os concellos da zona, no que todos os beneficiados aporten cartos.

O GES de Valga morre en Valga. Caldas renuncia a asumi-la súa xestión ante o risco de que no futuro haxa que subrogar ós 12 traballadores despedidos coa extinción do servizo a finais de 2019. O alcalde de Caldas di que o seu concello non pode asumi-lo risco de contratar agora 12 persoas para reactivar ese servizo de emerxencias e que despois a xustiza lle obrigue a readmitir ó cadro de persoal que había en Valga. Fala de que informes técnicos o desaconsellan para garanti-la estabilidade económica do municipio.

Ademais, entende que sería traslada-lo conflito laboral de Valga ó seu municipio.

O problema, di o alcalde, é que sobre a mesa non estaba a creación dun novo GES, senón da reubicación do de Valga. Nesta liña, o rexedor lanza unha nova proposta: partir de cero, creando un novo GES, pero mancomunado. Di que é un modelo que xa funciona dese xeito, como en Nigrán.

Rey recoñece a urxencia de resolve-la cuestión, aínda que acusa a Valga de deixar á comarca descuberta, renunciando ó servizo de forma prematura, sen ter atopado antes unha solución. Indica que varios alcaldes da zona xa coñecen a súa proposta, ó igual que a FEGAMP, a Deputación e a Xunta. Di que só lle pareceu mal ó goberno galego, polo que deixa a porta aberta a unha comisión a tres bandas, para buscar unha solución.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí