Os GDR pontevedreses analizan a Lei de Recuperación Agraria co Agader

PONTECESURES> Xuntanza dos Grupos de Desenvolvemento Rural para coñecer o proxecto de Lei de Recuperación Agraria. Representantes dos cinco GDRs da provincia de Pontevedra participaron na convocatoria, organizada polo grupo Salnés-Ulla-Umia en colaboración coa directora xeral de Agader.

Inés Santé aproveitou o encontro telemático para trasladar aos GDRs o contido da norma, que se atopa actualmente en trámite Parlamentario. Abordando, ademais, como pode afectar aos diferentes territorios que abrangue cada grupo atendendo as súas peculiaridades. O obxectivo final da lei é recuperar a terra abandonada para novos usos, evitando así o despoboamento do rural. Unha meta que coincide coa liña de traballo dos GDR, apoiados por fondos europeos a través do programa Leader.

No encontro participaron representantes dos grupos de Salnés-Ulla-Umia, Pontevedra Norte, Pontevedra Morrazo, Condado Paradanta e Baixo Miño, e todos amosáronse dispostos a manter a liña de colaboración coa Consellería do Medio Rural.

A de hoxe foi a segunda parada na axenda de reunións cos GDRs de toda Galicia que está a manter Inés Santé. Onte o encontro foi cos de Lugo e Ourense, e mañá está previsto celebrar a xuntanza cos da Coruña.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí