VALGA> Concentración da CIC, CCOO e a UXT ás portas de Urovesa, en Valga, reclamando un novo convenio provincial do metal. Os sindicatos falan de precarización e empeoramento das condicións de traballo no sector. A mobilización, que rematou cun corte de tráfico, chega logo de que a patroal rompese as negoacións, tras 14 xuntanzas.
Os sindicatos retoman as mobilizacións en defensa do novo convenio provincial do metal de Pontevedra. Logo de manifestarse en Vigo e coas negociacións rotas por parte da patroal tras 14 xuntanzas, as tres centrais fixeron parada hoxe en Valga. Concentráronse ás portas de Urovesa, empresa do presidente da patroal ASIME, que forma parte da mesa negociadora.
CCOO, UXT e CIG entenden que a patroal está a emprega-la pandemia como excusa para precarizar e empeora-las condicións de traballo do sector. Defenden que neste último ano os traballadores fixeron un exercicio de responsabilidade, fronte unha patroal que se está a aproveitar, din, da situación.
Porque, segundo defenden, a crise do coronavirus non está a repercutir no sector como noutros casos, polo que non se xustifica unha precarización do convenio colectivo.
A concentración desta mañá en Valga rematou cun corte de tráfico. O vindeiro día 24 vai ter lugar unha asemblea de delegados na que se vai establecer un novo calendario de mobilizacións que, ameazan, serán máis contundentes que as organizadas ata o de agora.