POBRA> Trátase dunha das primeiras medidas de presión que toma co fin de que Educación reconsidere a súa decisión de reducir o número de docentes respecto ó curso pasado, pasando de 54 a 48.
As persoas que o desexen dispoñen xa nos locais hostaleiros e comercios da vila dos pregos de sinaturas para para protestar contra o recorte do profesorado sufrido no centro educativo para o presente curso 2021 – 2022, que pasará dunha plantilla de 54 docentes o pasado ano a só 48. Dende a ANPA entenden que esta medida significará aumentar a ratio do alumnado, o que repercutirá negativamente na calidade educativa.
Outra das súas queixas radica en que a redución do profesorado levará consigo a eliminación de materias na oferta educativa do centro co que iso supón de empobrecemento e da imposibilidade dunha formación axeitada para os seus fillos.
A recollida de sinaturas é unha das primeiras accións de protesta que realizan, que continuará a vindeira semana cunha concentración diante do Concello, pois para eles está en xogo non só o futuro da educación dos seus fillos senón tamén da propia vila.