PONTEVEDRA> O PSOE propón crear en Pontevedra un servizo público de aluguer de bicicletas eléctricas. A formación levará unha moción ao vindeiro pleno instando ao concello a solicitar as axudas do Ministerio de Transporte para esta iniciativa, coa que buscan impulsar a mobilidade sostible e accesible. A intención é que este servizo se integre no sistema de billete único do transporte metropolitano, facéndoo compatible co billete de tren e autobús.
Poñer en marcha un servizo público de aluguer de bicicletas eléctricas en Pontevedra. É a proposta do Partido Socialista para fomentar a mobilidade sostible e accesible na cidade.
Os socialistas levarán a medida ao vindeiro pleno. Será cunha moción na que tamén propoñen que o sistema de aluguer estea integrado no billete único do transporte metropolitano, facéndoo compatible cos billetes de tren e de autobús.
O proxecto socialista contempla tamén a necesidade de desenvolver a infraestrutura necesaria para promover a mobilidade ciclista, creando carrís bici en determinados puntos da cidade.
A moción insta ao concello a solicitar as axudas do Ministerio de Transportes para poñer en marcha este servizo. Tamén á realización dunha campaña de información pública que permita á cidadanía coñecer e acollerse ás achegas para a compra de ciclos de pedaleo asistidos.











