O PORTO DO SON> A Consellería de Política Social inxectará máis de 600 mil euros para o financiamento do Servizo de Axuda no Fogar no Porto do Son. O alcalde a conselleira mantiveron unha xuntanza para avaliar as vantaxes que implicará este incremento de fondos na prestación do servizo.
O Porto do Son foi, xunto co concello de Ponteareas, o primeiro en solicitar formalmente o aumento da achega da Xunta ó Servizo de Axuda no Fogar tralo acordo coa Fegamp. Suporá un incremento do 50 por cento na contía aportada pola Xunta que, no caso de Porto do Son, suporá unha suba de 600 mil euros durante os tres anos de vixencia do convenio cun investimento de máis de dous millóns.
A conselleira de Política Social lembrou que os concellos dispoñen de prazo ata o 27 de abril para solicitar formalmente a actualización das contías que se aplicará con carácter retroactivo dende o 1 de xaneiro deste ano.
Esta non foi a única cuestión abordada por Fabiola García na súa xuntanza co alcalde sonense, Luís Oujo, posto que analizaron tamén os investimentos previstos na escola infantil da Galiña Azul. Política Social destinará preto de 50 mil euros para a instalación dun novo sistema de climatización, a dotación de varios módulos de almacenamento e a colocación dunha nova cancela no vestíbulo de entrada. Actuarase tamén no exterior do inmoble coa limpeza e pintado das fachadas.











