Cambados converte as súas veciñas en protagonistas do 8M coa Gala da Muller

CAMBADOS> As mulleres de Cambados volverán ter un papel chave na conmemoración do Día Internacional da Muller na vila. Na programación prevista para todo o mes, o concello repetirá a Gala da Muller, unha cita na que recoñece ás veciñas que participan todo o ano na vida do municipio. A lectura do manifesto o venres 6 e a manifestación do domingo 8, son outros dos pratos fortes da programación.

O 8 de marzo os cambadeses e cambadesas están chamados a saír á rúa a conmemorar o Día Internacional da Muller. O colectivo feminista ‘A Naiciña’ organiza unha manifestación que saíra dende a Praza do Concello ata a Praza de Asorey. Alí, lerase o manifesto.

Este será un dos pratos fortes da programación, pero as actividades comezan xa este venres. O concello organiza un almorzo de emprendedoras en ExpoSalnés e ás 12 do mediodía lerase o manifesto na Praza do Concello. O sábado celebrarase un café coloquio sobre sexualidade, mentres que o domingo pola tarde o auditorio da Xuventude acollerá a Gala da Muller.

Tamén a asociación Esmar inclúe unha proposta na programación cambadesa. Será a presentación dun libro de poemas dunha muller vítima de violencia machista.

Os obradoiros de “Comunicación non verbal para o éxito” e “Cinco técnicas de relaxación para combater o estrés”, son outras das actividades programadas para este mes de marzo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí